Sunday 19 de May de 2024

O 57% dos autónomos TIC galegos estima que o sector tecnolóxico atravesará unha situación expansiva ou de estabilidade nos próximos tres anos


En Galicia, existen 3.331 autónomos dedicados ao sector TIC, o que representa o 21,8% do total de traballadores deste eido

En Galicia existen 3.331 autónomos dedicados ao sector TIC, o que representa o 21,8% do total de traballadores deste sector. Preto do 60% dos integrantes deste colectivo centra a súa actividade profesional na reparación de equipos informáticos e publicacións TIC. En segundo lugar, cunha porcentaxe do 29,2% están os que se dedican a actividades informáticas, portais web e procesamento de datos. As actividades comerciais TIC empregan ao 7,6% dos autónomos e as de telecomunicacións ao 3,2%.

En termos xerais, nos últimos tres anos obsérvase un incremento dos autónomos do sector que desempeñan actividades comerciais ou actividades informáticas, deseño de portais web e procesamento de datos e telecomunicacións. As cifras tamén amosan que, ao igual que nas empresas do sector, persiste a fenda de xénero, xa que as mulleres representan o 28,6% dos autónomos TIC.

Boa percepción do seu negocio e do futuro do sector
Son parte dos datos que se desprenden do informe “Os autónomos TIC de Galicia”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) -adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

Trátase dun estudo específico que se realiza entre os autónomos do sector tecnolóxico na Comunidade por segundo ano consecutivo e que pon de manifesto que ao redor do 57% dos autónomos TIC galegos considera que o sector atravesará unha situación expansiva ou de estabilidade nos próximos tres anos. Melloran as previsións optimistas xa que hai un ano só un 45% dos autónomos TIC vaticinaba un futuro de estabilidade ou expansión.

Incremento notable da presenza en redes sociais
Con respecto á súa presenza en Internet, as redes sociais desvélanse como unha ferramenta de importancia crecente nas empresas actuais. Un 26,2% dos autónomos TIC galegos empregan as redes sociais, experimentando un crecemento de 9 puntos porcentuais no último ano, incremento moi superior ao que rexistraron as sociedades TIC (2,9 puntos).

Máis da metade dos autónomos TIC galegos (51%) ten páxina web, 6,6 puntos máis que na edición anterior. Aínda que persiste unha significativa fenda entre os autónomos e as sociedades TIC, a distancia reduciuse en 2,3 puntos no último ano. As razóns principais para non dispoñer de web son a percepción da falta de demanda derivada do tipo de actividade e a falta de recursos para creala e mantela.

Maior comercialización dos seus produtos
Tres de cada cinco autónomos TIC galegos empregaron Internet para a compra de bens ou servizos. Un 20,8% empregou a Rede para realizar vendas. Respecto ao ano 2013, as vendas a través de Internet experimentaron un aumento de 7,1 puntos porcentuais. A pesar deste aumento, é preciso seguir realizando un forte impulso na comercialización dos seus produtos.

Máis da metade dos autónomos TIC galegos non venden a través de Internet porque consideran que os seus produtos non son axeitados para a venda a través da Rede.

Interese pola innovación e a formación
O informe indica que preto dun 40% dos autónomos TIC galegos estaría interesado en formarse en tecnoloxías, preferentemente en bases de datos, infraestruturas TIC como servidores ou almacenamento, seguridade informática e protección de datos, e administración de sistemas e sistemas operativos, e os modelos de negocio baseados en Cloud Computing. O interese en formarse en Cloud Computing aumentou 6,3 puntos no último ano.

Ademais, o estudo reflicte a capacidade de innovación entre os autónomos TIC galegos xa que un 17,4% innovou en bens novos e un 21,5% apostou pola innovación dos seus servizos. Cabe salientar que a cooperación dos autónomos TIC con outras compañías ou entidades para levar a cabo proxectos de innovación aumentou 2,3 puntos respecto aos datos da edición anterior deste estudo.

Un 19,5% dos autónomos TIC galegos desenvolveu proxectos de I+D+i nos tres últimos anos, rexistrando un incremento de 3,2 puntos respecto aos datos da última edición.

Xestión empresarial: Incremento da banda larga móbil e do Cloud Computing
O estudo pon de manifesto que un incremento significativo das tecnoloxías relacionadas coa mobilidade. Así, o 31,8% dos autónomos galegos TIC conectáronse a Internet a través da banda larga móbil, 10 puntos máis que no ano 2013. Ademais, máis da metade (o 50,3%) empregou aplicativos en plataformas móbiles, e un 5,4% encargou algún desenvolvemento específico de software para plataformas móbiles.

O feito de que case a metade dos autónomos TIC galegos (49,7%) ten contratada unha velocidade de conexión a Internet superior a 10 Mbps contribuíu, posiblemente, ao uso destes aplicativos que favorecen a mobilidade.

O Cloud Computing tamén se perfila coma unha tendencia tecnolóxica que se estende entre as empresas TIC. Un 29,5% dos autónomos TIC galegos xa optaron pola xestión da información na Nube, cun aumento de 3,2 puntos no último ano.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza
Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org